Estatutos

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN CULTURAL “FOLLAS NOVAS”


CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º- Constitúese en Bertamiráns-Ames unha Asociación sen ánimo de lucro que se denominará “ASOCIACIÓN CULTURAL FOLLAS NOVAS”.
A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º.- Son fins principais da Asociación:
a)Promover entre os veciños o interese pola cultura nas diferentes manifestacións.
b)A representación, defensa e promoción dos intereses sociais e culturais dos asociados.
c)Traballar a prol da normalización cultural e lingüística de Galicia.
d)Fomentar a solidariedade entre o colectivo dos socios, promocionando e creando servizos comúns de natureza asistencial.

Artigo 3º.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación organizar as seguintes actividades:
a)Clases de música tradicional (gaita, percusión, baile…).
b)Editar publicacións.
c)Cursos de formación, etc.
Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase aos devanditos fins polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto exceptuándose as achegas efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares non serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola Asociación.

Artigo 4º.- O domicilio principal e permanente da Asociación radicará na localidade de Bertamiráns-Ames, rúa do Bosque nº 11 C.P. 15220 teléfono 981890940.
Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutras cidades, mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ao Organismo encargado do Rexistro de Asociacións. Para os efectos de comunicacións e notificacións sinálanse como preferentes as seguintes direccións:

Domicilio: rúa do Bosque nº 11 Bertamiráns-Ames. C.P. 15220
Teléfono 1: 981 890940
Teléfono 2: 981 887196
Correo electrónico: follasnovas.ames@gmail.com

Artigo 5º.- A Asociación en funcións dos seus fins e da localización do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.
1.A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2.A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS

Artigo 7º. -Poderán ser integrantes da Asociación todas aquelas persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tras o acordo do seu órgano competente da persoa xurídica, que reúnan os seguintes requisitos:
a)Ser maior de idade.
b)Que o soliciten, e
c)que se comprometan a acatar os presentes Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno.

Artigo 8º.- Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:

a)Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.
b)Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
c)Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da Asociación.
d)Infantís, aquelas persoas menores de 18 anos que participen na Asociación, que estarán integradas na sección infantil, no seu caso.

Artigo 9º.- Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
1.Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
2.Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.
3.Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.
4.Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.
5.Ter copia destes Estatutos.
6.Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.
7.Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.
8.Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.
9.Que se poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todos os anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:
1.Prestar cantos servizos determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.
2.Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
3.Asistir ás Asembleas Xerais.
4.Satisfacer as cotas que se establezan.
5.Observar unha boa conduta individual e cívica
6.Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.

Artigo 11º.- Os asociados e asociadas honorarios e infantís non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.


Artigo 12º.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos o Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores de idade e persoas que actúen a través de representante a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor do solicitante e acompañarase unha acreditación da identidade do solicitante.

Artigo 13º.- A condición de asociado pérdese:
1.Por vontade propia.
2.Por falta de pago nas cotas.
3.Por realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da Asociación.
4.Por expediente disciplinario.

Artigo 14º.- A expulsión de asociados e asociadas será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
Cando a baixa se produza por vontade dun/ha asociado/a, este/a deberá realizar unha petición escrita e procederá ao aboamento previo de todas as cotas que teña pendentes.


Artigo 15º.- Os asociados/as poderán pedir a separación temporal por escrito.
A Xunta Directiva poderá acordar a separación temporal dun asociado cando se estea tramitando un expediente sancionador, ou concorran causas xustificadas que o aconsellen, tales como o atraso no pago dalgunha cota, ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de Réxime Interno, pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdición ordinaria.


CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 16º.- A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 17º.- O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.
O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre socios que teñan polo menos 1 ano de antigüidade e o seu mandato durará 4 anos.

Artigo 18º.- A Xunta Directiva estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e tres vocais, cargos que deberán recaer en asociados/as que leven polo menos un ano na Asociación.

Artigo 19º.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo por si mesmos ou por persoa interposta.
Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán un período de 4 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.
Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metade. Na primeira quenda serán renovados o Vicepresidente, o Tesoureiro e un Vocal e na segunda, o ano seguinte, o Presidente, o Secretario e os outros dous vocais. O primeiro mandato dos cargos da segunda quenda de renovación durará 1 ano máis. O persoal de secretaría, se o houbese, será nomeado polo Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.

Artigo 20º.- É función da Xunta Directiva programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
Así mesmo procederá a convocar e fixar a data da Asemblea Xeral, fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben, designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación, ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral. Corresponderalle tamén todas aquelas actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.

Artigo 21º.- A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente ou o Vicepresidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente ou o Secretario, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta que teña máis idade.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, de seis dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto do Presidente.
O Secretario ou, no seu defecto, o Vicepresidente, levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.

Artigo 22º.- Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de obter das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.
Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Artigo 23º.- A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por todos os integrantes da mesma. O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

Artigo 24º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ao Presidente, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 25º.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada ano. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a Presidente/a da Xunta Directiva.
A notificación farase nos locais da Asociación para as Asembleas Ordinarias e no domicilio dos asociados para as Asembleas Extraordinarias.

Artigo 26º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1.Aprobar a acta da reunión anterior.
2.Aprobar o plan de actividades.
3.Examinar e aprobar a memoria de actividades.
4.Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
5.Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
6.Exame e aprobación das cotas.

Artigo 27º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1.Modificar os estatutos da Asociación.
2.Elixir os integrantes da Xunta Directiva.
3.Aprobar a federación con outras Asociacións.
4.Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
5.Acordar a disolución da Asociación.
6.Designar os/as liquidadores/as.
7.Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
8.Solicitar declaración de utilidade pública da Asociación.
9.Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.
10.As que sendo de competencia da Asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan esperar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.
11.Todas as competencias non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.

Artigo 28º.- Para que as Asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos/as asociados/as asistentes, sempre que concorran a metade máis un dos total na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.

Artigo 29º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos os apartados 1 ao 7 do artigo 27º, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de Actas e asinará o/a Presidente, o/a Secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría.


Artigo 30º.- Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a todos os/as asociados/as, incluso aos/ás non asistentes.
As sesións abriranse cando así o determine o Presidente. Seguidamente procederase por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente o Secretario procederá a formular a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.
Unha vez rematados todos os asuntos da orde do día procederase, se a presidencia o considera oportuno ou o solicitan un 10% dos asociados inscritos no libro de membros, a facer unha quenda de rogos e preguntas e adopción de acordos, concluído isto levantarase a sesión por parte do Presidente.

Artigo 31º.- Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 32º.- O Presidente terá as seguintes atribucións:
a)Presidir e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.
b)Propoñer o plan de actividades da Asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
c)Ordenar os pagamentos acordados validamente
d)Representar a Asociación diante de calquera organismo público ou privado.
e)Asinar as actas, certificados, pagos e outros documentos da Asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

O Presidente será asistido nas súas funcións por un Vicepresidente, que, ademais, substituirao nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.


Artigo 33º.- O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de rexistro de asociados e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade. Correspóndelle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente.
Ao Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da Asociación nun libro establecido ao efecto


Artigo 34º.- O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, levará a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, participará en todas as operacións de orde económica.
O Tesoureiro ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Artigo 35º.- Os vocais no número que determine a Asemblea Xeral terán as seguintes atribucións:
1.Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2.Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 36º.- A Asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 0,00 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 37º.- A Asociación funcionará en réxime de presuposto anual. O borrador de presuposto será elaborado polo Tesoureiro da Asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, co fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 38º.- A Asociación manterase dos seguintes recursos:
1.As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2.As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
3.As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4.Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da Asociación.
5.Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 39º.- As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, non sendo reintegrables en ningún caso e a dedicándose a atender as necesidades da Asociación.

Artigo 40º.- Anualmente con referencia ao ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.

Artigo 41º.- Anualmente no tempo que establece o artigo 25 será aprobado o orzamento pola Asemblea Xeral ordinaria.

Artigo 42º.- Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o Presidente e do Tesoureiro, para a utilización conxunta deles.


Artigo 43º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola Asociación.

CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 44º.- O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.


CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 45º.- Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou ¼ dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para que calquera socio/a poida dirixir á Secretaría as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.

Artigo 46º.- Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos 2/3 dos membros da Asemblea Xeral de socios.

Artigo 47 .- A Asociación disolverase polas seguintes causas:
1.Pola vontade dos asociados/as acordada polas 2/3 partes dos mesmos/as.
2.Por outras causas determinadas legalmente.
3.Por sentencia xudicial.

Artigo 48º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a Presidente e o/a Tesoureiro/a, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 49º.- O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins aos desta Asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.
-------------------------------------------------------------------------------------------------




NOTA: Estes Estatutos foron modificados ao abeiro da disposición transitoria primeira da vixente Lei orgánica 1/2002, do 22 de Marzo, reguladora do Dereito de Asociación. A instancia foi presentado na Consellaría de Xustiza, Interior e Administración Local, no Servizo de Asociacións e Espectáculos Públicos na súa Delegación de A Coruña con data 14 de xaneiro de 2004.
Na mesma instancia figuran como titulares dos órganos de goberno e representación da Asociación, elixidos en Asemblea Xeral Extraordinaria de Socios con data 9 de xaneiro de 2004, os seguintes:
PRESIDENTE: Alexandre Cadarso Suárez
VICEPRESIDENTE: Anxo Vieites Salgado
SECRETARIO: Joám José Casas Rodríguez
TESOUREIRA: Mª del Carmen García Fernández
VOCAL 1: Xosé Vázquez Suárez
VOCAL 2: Rodrigo Pita Aneiros